Pegada da memoria
As parcelas do viñedo de Viña Meín conforman un mosaico de pezas dunha riqueza varietal excepcional, un patrimonio vitícola e cultural único.
O mosteiro de San Clodio, o centro eclesiástico máis importante da bisbarra durante séculos, transformou o val na cerna do viño do Ribeiro. A vontade e visión dos monxes cistercienses e beneditinos levounos a experimentar con métodos de cultivo, variedades de uva e técnicas de elaboración.
O Ribeiro é paisaxe e historia. Pedra, muros, viñas agachadas e lagares abandonados que son templos da memoria.
A pedra constrúe a paisaxe do val do Avia e das nosas explotacións. Pedras que son a base estrutural de grandes rochas graníticas e do sábrego, termo local para o granito en descomposición. A estrutura xeomorfolóxica dos viñedos de Viña Meín-Emilio Rojo é de granodiorita, principalmente de cuarzo e feldespato. A textura dos solos, máis ou menos areosos e arxilosos, e algúns con restos de xisto ou de aluvión, conviven cos graníticos segundo o tipo de substrato rochoso.
O sábrego é o solo predominante en todos os predios de Viña Meín-Emilio Rojo. Nas parcelas de A Vilerma combínase cunha pouca arxila, e en Tega con croio e algo de xisto. Por outra banda, as dúas parcelas de uva tinta, Osebe e Ribeira, tamén conteñen sábrego. A diferenza entre elas é que, na primeira, mestúrase cun pouco de area moi fina e, na segunda, cunha chisca de xisto.
No val do Avia predomina un especial microclima mediterráneo continentalizado e suavizado pola influencia atlántica.
Os viñedos de Viña Meín-Emilio Rojo representan os microclimas das dúas vertentes do val do Avia: o sol da tardiña do poñente-oeste, fronte ao sol nacente-leste da mañá. Unha amalgama de orografías e ondulacións do terreo, exposicións e horas de sol de cada aba e parcela.
O viñedo Viña Meín convive con tres peculiaridades climáticas: unha gran oscilación térmica día-noite nos meses de primavera e verán, probabilidade de fortes xeadas na primavera e néboas abundantes.
As nosas parcelas están situadas entre os 100 e os 200 metros de altitude. En xeral, as viñas están plantadas en ladeiras e lonxe das marxes do río, onde a acumulación de humidade é maior.
Se a altitude é importante, a orientación é un factor decisivo. A personalidade de cada leira ven constituída pola interacción entre abas, pendentes, orientación, temperatura, exposición ao sol e solos. Factores que compoñen un complexo poliedro con diferentes perfís.
Pola súa localización no val do Avia, nas terras de Viña Meín salienta a orientación oeste pero, para sermos precisos, a realidade é que cada unha ten unha identidade diferenciada segundo a súa situación.
As viñas en torno a San Clodio gozan dunhas condicións bioclimáticas extraordinarias tanto nos bancais coma nas pendentes, e mesmo nas partes máis baixas do val.