Expresión del Ribeiro
Emilio Rojo é a fusión entre a persoa e a viña. Viticultor e colleiteiro visionario no seu compromiso coa calidade, o seu emblemático viño provén dun lugar tocado por unhas condicións vitícolas excepcionais.
Emilio Rojo
Despois de formarse como enxeñeiro e traballar fóra da súa terra natal, regresou a Galicia e comezou a súa nova etapa como viticultor. Retomou o labor da pequena adega que o seu pai tiña en Arnoia, iniciando así unha andaina que o levou ata a mítica parcela que atesoura hoxe un dos grandes viños brancos de España.
No ano 1987, comezou a traballar un pequeno viñedo familiar abandonado no val do Avia, herdanza de Julia, a súa muller. Un lugar cunhas condicións extraordinarias para a viticultura situado en Ibedo, en Leiro: un lugar suxeito a un contrato de foros ata a década dos vinte do século XX e que dependía anteriormente do mosteiro de San Clodio.
Nun enclave tradicional dentro dos grandes viñedos do Ribeiro, Ibedo é un topónimo cuxa etimoloxía está ligada á oliveira. De feito, ao redor da parcela aínda se poden ver algunhas, algo pouco usual para a zona. A pequena viña, duns 12.000 m2, está disposta en varios bancais e socalcos, paredes que van debuxando a xeometría do terreo.
Emilio Rojo comezou a traballar a leira coa firme convicción de elaborar un viño artesanal de calidade, singular e xenuíno baseado nun coidadoso labor de viticultura. Para iso sabía que o fundamental era traballar o viñedo e apostar polas variedades autóctonas.
Pioneiro do Ribeiro de calidade e visionario no seu concepto, comezou a sementar uvas locais, entre elas o lado, unha uva orixinaria de Arnoia pero que non se plantaba no val do Avia naqueles anos. Dependendo da variedade e do seu comportamento na viña, foi dispoñendo as plantas nos socalcos para conseguir a máxima expresión de cada variedade.
O lugar
Os viñedos do singular enclave de Emilio Rojo están orientados ao nacente, ao leste e na marxe dereita do río Avia. É un lugar fresco, a media faldra da montaña e moi protexido, onde as maduracións son lentas e complexas.
Unha particularidade do predio é o seu especial microclima, que o protexe das xeadas primaverais. O sol da mañá establece o ritmo do ciclo da vide e dos labores do campo.
O viñedo, a unha altitude de 180 metros, está plantado sobre chans de sábrego ou granito, de textura areosa e coa particularidade de ser moi pouco profundos, dispostos sobre rocha granítica. No que respecta ás variedades, o 80% do viñedo está plantado con treixadura, un 10% de godello e outro 10% de lado e loureira.
A Colleita
A colleita en Emilio Rojo é determinante. Cada ano a planificación varía segundo o comportamento das cepas e os factores naturais. Son vendimas longas onde as vides se marcan, unha a unha, antes da colleita para saber cales cómpre recoller en cada momento.
Non só se vendima por variedade, senón por cepa e tipo de uva. Os controis de maduración e cata de uvas son constantes, e fanse, polo menos, dúas recoleccións no viñedo antes de rematar a vendima.
Emilio Rojo é viñedo e viño concibido para transcender no tempo. É a esencia do seu creador e a súa viña, a autenticidade. Un viño feito en comuñón coa natureza e apegado ás raíces das cepas que expresa fielmente o carácter da súa contorna.
En 2019 Emilio Rojo decide ceder o testemuño do seu legado a Alma Carraovejas para darlle continuidade ao seu proxecto, ao que segue vencellado de xeito directo.
A maxia dun viño único e inimitable
“O segredo do viño é meter horas traballando na viña”. Emilio Rojo.
Emilio comezou unha vida dedicada á terra e a recuperar a herdanza histórica subindo á leira todas as mañás polos camiños que a rodean. Todos os labores se fan a man, a terra intervense o mínimo e cada cepa é tratada co máximo coidado e agarimo. Máis de 30 anos de observación que fan máxico un viñedo inimitable.
Unha das súas obsesións era conseguir unha produción equilibrada, con rendementos baixos e estables, independentemente da anada. O sistema de poda en Emilio Rojo é un cordel curto particular e a produción por cepa de cinco ou seis acios. O traballo no viñedo está enfocado a conseguir unha boa concentración e maduración da uva. A viña enteira se ata ao xeito tradicional con vimbios.