O complexo de viñedos de Viña Meín está repartido en 14 pequenas parcelas cun total de 18,3 ha. A gran maioría das viñas atópanse en San Clodio, todo arredor da adega. As viñas son pezas dun crebacabezas minifundista con diferentes orientacións, exposicións, variedades, microclimas e altitudes.
Os viñedos de San Clodio
As explotacións situadas en San Clodio encóntranse no contorno da adega. Canto á altitude, varía entre os 100 metros de Cuñas de Abaixo e os 193 metros de Mosqueira, o predio máis alto de Viña Meín.
- Finca Meín. É o viñedo orixinal e tamén o máis emblemático. Son 2,5 ha. nun mesmo espazo con bancais e muros que son historia. É a maior explotación de Viña Meín e nela se sitúa a bodega. Predomina a treixadura con albariño, loureira e caíño branco en solos de sábrego, e a unha altitude comprendida entre os 150 e os 180 metros.
- Toro. É a parcela máis antiga da adega. Con tan só 1.165 m2, plantouse en 1960 con garnacha tintoreira e atópase xusto a carón da casa. A súa peculiaridade reside en que se traballa ao xeito antigo: por condución dunha vara ou estaca alta de acacia, poda tradicional e atadura manual con vimbios. Terras de sábrego.
- Mosqueira. É un pequeno predio de 0,67 ha. rodeado de monte e contiguo á Finca Meín. Está plantado con treixadura e albariño sobre chans de sábrego; no noso terreo máis alto, a 193 metros.
- As Searas. A treixadura con godello, albariño, torrontés e loureira predominan nestas terras de 2,18 ha. con solos de sábrego.
- Regueira. É un predio moi especial. Rodeado de monte e grandes rochas de granito, unha parte do viñedo aséntase sobre socalcos ben pronunciados. Ten 1,68 ha. de godello e treixadura mais albariño e é adxacente a Mosqueira.
- Ricardo. Está situado fronte á entrada de Viña Meín. Son 2,18 ha. plantadas con treixadura, albariño e un fato de plantas de sousón. Terras de sábrego.
- As Costas. Viñedo de 1,33 ha. de treixadura plantada sobre chan de sábrego.
- Cuñas de Arriba. Parcela de 0,95 ha. de lado, torrontés, treixadura e godello plantados en solos de sábrego.
- Cuñas de Abaixo. Parcela de 1,22 ha. de treixadura sobre terras de sábrego.
- Galegos. Pequena explotación de 0,97 ha. de treixadura e godello en solos de sábrego.
A rentes de San Clodio está Gomariz, onde temos dúas leiras. A Vilerma, parcela de 1,55 ha. de treixadura sobre chan de sábrego con algo de arxila; e Tega, un pequeno viñedo de 0,90 ha. de treixadura con algunhas plantas de albariño sobre terras de sábrego con croio e unha chisca de xisto. Ambas as dúas están a unha altitude de 190 metros.
As nosas dúas parcelas de variedades tintas son Osebe, unha pequena viña de 0,93 ha. de brancellao sobre sábrego con area moi fina, e Ribeira, un viñedo de 1,05 ha. plantado con caíño longo en terras de sábrego cun pouco xisto. Ambas as dúas están a unha altura de 120-150 metros.