Viños que amosan a orixe e enxebreza do histórico val do Avia, un dos territorios vitícolas de maior diversidade da península.
Orixe, identidade e historia
Viña Meín foi na súa orixe un conxunto de casiñas, montes e viñedos que conformaban o casal de Meín. Era coñecida como “Casa Labora” e sempre foi un recoñecido lugar de produción de uva, xa desde a Idade Media.
O asentamento e os seus arredores son historia viva do Ribeiro. Os montes que rodean Viña Meín foron antigos viñedos –hoxe abandonados– nos que aínda se conservan algúns dos valados que demarcaban as súas parcelas. Mesmo, a poucos metros da adega, seguen existindo aínda varios lagares, en ruínas.
Meín figura nos libros de historia de Galicia como un dos primeiros asentamentos poboacionais máis próximos ao lendario mosteiro cisterciense de San Clodio, epicentro do desenvolvemento da viticultura no Ribeiro.
Xa no ano 1158, o abade do mosteiro recollera no seu testamento o labor de plantar viñas e menciona Meín cun lugar privilexiado na produción. Tamén no padrón de San Clodio de 1580 –un documento importante para coñecer a estrutura socioeconómica da época– Meín é nomeado coma un recoñecido núcleo de poboación.
Unha gran pedra granítica acaroada á casa é o símbolo da adega. Fundada en 1988, a casa, a bodega, os bancais e os valados de Finca Meín conforman un marco único e un patrimonio vitícola singular. A biodiversidade, a autenticidade e a riqueza de variedades locais son o maior tesouro do noso legado
A rentes da explotación pasaban os camiños reais e a ruta dos arrieiros que, desde o século XIV, transportaban o viño con mulas, cabalos e carruaxes ata os portos de mar e ata Santiago de Compostela.
Pasear polos montes que rodean Finca Meín é revivir o espléndido pasado que deu sona á propiedade e ao Ribeiro.